Traballo por proxectos

     O traballo por proxectos responden a unha intención organizada de dar forma ó natural desexo de aprender. Parten dun enfoque globalizador aberto, para provocar aprendizaxes significativas en función dos intereses dos nenos e nenas e das súas experiencias e coñecementos previos. As nenas e os nenos non aprenden sempre aquilo que intencionadamente lles pretendemos ensinar, senón o que realmente desexan. 

    O papel da educadora non será anticipar coas súas respostas un desexo que, entón, xa non será tal, senón deixar que os erros se produzan (pois son o natural camiño de toda aprendizaxe) e canalizar as propostas, organizar os intereses, facer preguntas intelixentes e oportunas, prever os recursos e avaliar a propia actividade e os novos coñecementos, respectando en todo momento a diversidade e a expresión da identidade, e potenciando a procura de solucións diversas a un mesmo problema.

    Non se trata, pois, de buscar unha educación homoxeneizadora e igualitaria, senón de fomentar a diversidade como valor enriquecedor da comunidade e de promover o modo natural de aprender, favorecendo a adquisición de procedementos precisos para aprender de forma autónoma e non simplemente a adquisición mecánica de determinados contidos.

 


    As fases para o desenvolvemento dun proxecto serán as seguintes:

-        Elección do tema de estudo por parte do alumnado (a partir de ideas que xorden, preguntas, un conto,…).

-        Que sabemos e que queremos saber?: exposición de ideas previas por parte do alumnado (a través de conversas, debuxos…) e recollida de preguntas sobre o que queren saber, así como propostas de actividades de todo tipo.

-        Busca de fontes de documentación: buscar entre todas e todos as fontes e recursos onde atopar respostas ás súas preguntas, canto máis divertidas e variadas, mellor.

-        Organización do traballo: a titora organizará, deseñará e programará os obxectivos, actividades, recursos e temporalización, establecendo tamén as pautas de observación e de colaboración coas familias e o contorno, todo isto tendo en conta o carácter flexible da programación (posibilidade de variación de actividades, recursos…).

-        Realización de actividades (facendo os axustes e cambios oportunos, priorizando sempre a motivación do alumnado e tendo en conta as súas propostas e novas accións).

-        Avaliación do proxecto: elaboración dun dosier no que se recollerán as sínteses do traballo (en murais, vídeos, álbumes…); comprobación das preguntas que foron respondidas, comparándoas coas ideas previas; análise das novas propostas e do que quedou pendente.


  No colexio de Quintela, traballamos por proxectos. Algúns deles que fixemos nos últimos cursos e que podedes consultar son os seguintes:

- Proxecto piratas

- Proxecto: A viaxe de Paco

- Proxecto: As bolboretas e as eirugas

- Proxecto: As chicharras

- Proxecto: Os barcos

- Proxecto: Exipto

- Proxecto: O mar

-Proxecto: Os cans

- Proxecto: O corpo

- Proxecto: Os dinosuaros

- Proxecto: Viaxamos




 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixanos o teu comentario aquí.Non esquezas por o teu nome, pulsando en "Nombre".Sairá publicado cando nos chegue.