Proxecto Educativo

    Nesta etapa educativa o noso principal obxectivo é que os nosos alumnos e alumnas constrúan a base do seu desenvolvemento a través dunha metodoloxía activa, que parte das súas características e necesidades e utiliza o xogo (a actividade natural dos nenos e nenas) como motor e canalización significativa da súa aprendizaxe. Esta metodoloxía permítelles experimentar, manipular, relacionarse e construír as súas propias aprendizaxes dunha maneira autónoma e compartida. 



    É fundamental partir do que desperta interese no alumnado, pois conecta directamente coas súas necesidades e experiencias; por iso, o noso traballo por proxectos consegue manter os nenos e nenas motivados e interesados por vir ó cole e aprender unha chea de cousas sobre diferentes temas elixidos ou inspirados por eles mesmos. 



    Como espazos indispensables nas aulas atopamos os recantos. Son espazos organizados, que tenden a ser polivalentes, é dicir, teñen diferentes valores e alternativas para conseguir obxectivos, hábitos e contidos. O alumnado traballa nestes recantos de forma cooperativa ou individualmente, levando a cabo tanto actividades libres como dirixidas. Algúns dos recantos que temos nas aulas son: recanto do xogo simbólico, recanto da mesa de luz, recanto de experimentación, recanto minimundo, recanto de letras, de números, recanto TIC… 




    O noso alumnado adquire as súas primeiras destrezas lóxico matemáticas a través de actividades manipulativas, cotiás, con obxetos reais, que lle permiten diferenciar atributos, agrupar, construír, contar e comparar ,aplicando as súas propias estratexias. 

    Será tamén nesta etapa onde fagan a súa primeira aproximación a lectoescritura. O noso método parte dunha concepción construtivista e, por iso, é totalmente respectuoso cos diferentes niveis de adquisición da mesma. A nosa intención é mergullar o alumnado no mundo da lingua escrita, partindo sempre da súa relación coa linguaxe oral, para que chegue a coñecer as funcións da representación escrita, diferenciando debuxo e escritura, ata que nun momento dado empregue grafías convencionais ou pseudoconvencionais para a elaboración de textos, chegando a diferenciar o mundo dos números e o das letras. 

    Por último, mencionar que a educación emocional ten un papel moi importante nas nosas aulas. Utilizamos situacións cotiás para poñer nome ás emocións e sentimentos, distinguilos e traballar a autonomía e regulación emocional como parte indispensable do desenvolvemento integral do noso alumnado. O noso fin último é poñer a semente que levará os nosos alumnos e alumnas a ser persoas autónomas e competentes para a vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixanos o teu comentario aquí.Non esquezas por o teu nome, pulsando en "Nombre".Sairá publicado cando nos chegue.