29/01/2013

Desexos de paz

Estes son os desexos de paz de 6º de Infantil:

28/01/2013

CONVERSAMOS SOBRE A PAZ

Durante estes días, estivemos a falar sobre a paz:

PROFE: O 30 de xaneiro imos celebrar o Día da Paz pero... vós sabedes que é iso da paz?
ÓSCAR: O día da paz é un día no que se fan gaivotas
ADRIÁN L: É un día novo
ALBA T: Un día de corazóns... de portarse ben e facer cousas boas
XAVI: Si! cenar moi ben e traballar moi ben
MATEO B: saber pintar moi ben
MARINA: comer toda a cena
ÓSCAR: facerlle caso a mamá e a papá
XAVI: non berrar
LUCA: non pegarse
ADRIANA: nin tampouco beliscarse
MATEO B: non pelexar
EDER: claro! así facémonos dano
RAFAEL: tampouco facerse así (belíscase nas meixelas)
LUCA: o máis importante é que doe...

PROFE: entón como podemos facer a paz coa xente? cos amigos? coas familias?
ADRIANA: dándonos un querer
ADRIÁN L: con caricias
ÓSCAR: dándonos bicos
ALBA T: dando flores
ADRIÁN M: dándolle bicos ás nais e ás bises
ADRIANA: tamén aos papis


Logo duns días de reflexión...

MATEO B: (con cara de preocupación) Profe... é que eu non teño paz na miña casa...
PROFE: claro que si! Ti non queres moito a mami, a papi, a Tomé... Dáslle moitos bicos...
MATEO B: Si profe pero... non a vexo... a paz...
LUCA: Eu se a busco moi rápido a atrapo!


                              (Mural da Paz feito polos alumnos/as das aulas de 4º e 5º de Infantil)

27/01/2013

A VIAXE DE GUGU E WANDA

Na aula das Tartarugas temos dous novos amigos, Gugu e Wanda, os protagonistas do conto MUA!, de Jez Alborough, co que introducimos o proxecto sobre a familia que estamos a comezar estes días.


A estes dous monos encántalles viaxar e coñecer xente nova, polo que irán pasar uns días as casas de todas as Tartarugas, ensinándovos a súa historia e enchendo o seu caderno de viaxe! 



Esta fin de semana, Gugu e Wanda xa viaxaron a casa de Óscar e, ata o venres, estarán na casa de Naya. 


Que familia será a seguinte?

16/01/2013

AS TARTARUGAS E O MAPA

Na aula das tartarugas, falando falando démonos conta de que sabiamos de moitos lugares (por viaxes que fixeran eles mesmos, viaxes de familiares, lugares que saían nos contos, lugares de traballo dos pais, vacacións, polo traballo que fixemos sobre o Prestige,...) pero descoñeciamos onde se atopaban. Así, chegamos á conclusión de que necesitabamos un mapa.


Xa co mapa na aula, xurdiron diversas cuestións:

Xián: Os mapas serven para buscar
Alba V: para buscar tesouros
Rafa: si, para tesouros
Adrián L: serven para investigar
Adrián M: serven para buscar os dineros
Óscar: Neste mapa onde está Moaña? Porque hai moitas letras dos países,...
Luca: Onde está o camiño para ir a miña casa? Porque non hai carreteras...
Óscar: As carreteras son negras e azuis
Alba V: Eu vexo unha illa
Alba T: Eu vexo a O de Óscar


(Pregúntolles que lles parece que pode ser todo o que está pintado de cor azul)
Mateo P: a min me parece a piscina de Baiona
Xavi: non! é o mar

(Pregúntolles que pode ser o branco)
Óscar: pode ser xeo
Daniel: é xeo!
Xián: é onde viven os pingüíns e os osos
Mateo B: e tamén as focas, os tiburóns e as orcas.
Xián: tamén os peixes
Óscar: e as baleas
Mateo B: e os elefantes mariños, que teñen aletas
Óscar: os elefantes que viven no xeo chámanse mamuts
Mateo B: non! eses son dinosaurios!
Óscar: os mamuts son como elefantes pero con pelo e existiron cos dinosaurios
Xavi: os mamuts desapareceron e só quedan esqueletos


(Retomamos un pouco a conversa inicial,...)
Xián: Temos que buscar Galicia!
Adrián M: si, porque é donde vivimos!
Gabriel: non! vivimos en Moaña
Xavi: vivimos en Moaña e tamén en Galicia
...
E nestas andamos, pensando se vivimos en Moaña, Galicia, España, Quintela, Sabaceda,...

09/01/2013

PROXECTO OS HAMSTERS

ESTE É O VÍDEO QUE RECOLLE A EXPOSICIÓN ORAL DA INFORMACIÓN RECOLLIDA E APRENDIDA POLOS HAMSTERS SOBRE O PROXECTO DA SÚA MASCOTA. FORON A CONTARLLA A VARIAS CLASE DE PRIMARIA, ESTA É A EXPOSICIÓN NA CLASE DE TERCEIRO CURSO.

08/01/2013

CABEZA DE CABAZA

ESTE É UN CONTO QUE A CLASE DAS CHICHARRAS CREOU NO OUTONO. ELES INVENTARON O TEXTO, COMPUXERON AS IMAXES E NARRARON A HISTORIA:

23/12/2012

VISITA Á OFICINA DE CORREOS

DESPOIS DE REMATAR AS FELECITACIÓNS PARA AS FAMILIAS, LEVÁMOLAS Á OFICINA DE CORREOS:

22/12/2012

O equipo de Infantil desxámosvos Bo Nadal


O EQUIPO DE INFANTIL DESEXÁMOSVOS BO NADAL E FELICES VACACIÓNS!







21/12/2012

Visita á oficina de Correos

Cando tivemos as felicitacións listas na clase da chicharras, levámolas a Correos:

19/12/2012

A NOSA PRIMEIRA VIAXE EN BUS!

O MARTES 4 DE DECEMBRO AS TARTARUGAS, AS CHICHARRAS E OS HAMSTERS FOMOS AO AUDITORIO DE CANGAS A VER A OBRA "FÍOS". PARA NÓS, AS TARTARUGAS,  FOI UNHA VIAXE MOI ESPECIAL PORQUE FOI A PRIMEIRA VEZ QUE VIAXABAMOS NO BUS TODOS XUNTOS! 

20/11/2012

Loboferoz

Neste audioconto de OQO podes escoitar o conto de Lobo Feroz na voz de Alberto Mancebo





E neste vídeo a película que fixo o EDLG do CPI Santa Lucía de Moraña:

14/11/2012

Facemos series!

As TARTARUGAS comezamos estes días a facer pequenas series de elementos atendendo, polo momento, á cor. A seriación é unha noción matemática básica que nos vai axudar a que, pouquiño a pouquiño, vaiamos adquirindo outros aspectos lóxico-matemáticos máis complicados. Ademais, facendo series traballamos tamén a atención, a observación, as cualidades dos obxectos,... Antes de ir ás mesas a practicar de xeito individual, fixemos entre todos unha serie na alfombra empregando rodas de cor azul e amarelo. Logo, nas mesas, empregamos pinchiños e colares. Velaquí vos deixamos algunhas fotos nas que poderedes ver a algunhas tartarugas facendo series.